Tuesday 14 de May de 2024

Rey destaca a importancia de formar a cidadanía antes de sancionala por malas prácticas na condución


 

A alcaldesa inaugurou o XII Encontro Iberoamericano de Seguridade Vial AICEFOV, que ten lugar na xornada de hoxe no hotel NH Collection Finisterre

A alcaldesa, Inés Rey, participou na apertura do XII Encontro Iberoamericano de Seguridade Vial AICEFOV, que ten lugar hoxe no hotel NH Collection Finisterre e que abordará a formación das escolas co fin de garantir a seguridade vial, feito que constitúe para a rexedora unha das máximas do Goberno local: “Queremos construír unha cidade que se mova, dinámica e sustentable e, para iso, estamos traballando para levarmos adiante un proxecto como a estación Intermodal, que comunique esta punta do mapa co resto e que permita que, unha vez que as persoas usuarias baixen do bus ou do tren, poidan desprazarse facilmente no medio en que queiran e con seguridade”.

Na inauguración, a rexedora destacou que nos últimos anos se modificaron malas condutas ao volante, como a de non usar o cinto de seguridade ou a de conducir despois de inxerir alcol, “pero sabemos que isto comeza na escola, cando unha persoa se apunta ao exame teórico e aprende a interpretar os sinais. Debe ser nese punto en que decidimos sacar o carné de coche cando temos que adquirir a responsabilidade nesta nova faceta. E niso, sei que as e os profesionais traballan para que así sexa”.

Rey falou sobre a importancia de pór sobre a mesa experiencias de éxito e informar e formar a cidadanía sobre as boas prácticas antes de sancionala, de cara a conseguir ese civismo por parte de todas/os que repercuta no día a día da veciñanza. No acto participaron tamén José Miguel Báez Calvo, presidente da Asociación Iberoamericana de Centros de Formación Vial (AICEFOV) e José Manuel López Marín, vicepresidente de CNAE e presidente da Federación Galega de Autoescolas.

Na xornada trataranse cuestións como “A seguridade vial na cidadanía ao longo da vida” ou “O éxito do permiso por puntos como salvador de vidas”, a cargo de representantes e persoas expertas do sector.